
A Agrupación Folklórica Aturuxo é unha asociación cultural formada o 20 de marzo de 1955, como continuación das actividades desenvolvidas polo coro Brétemas e Raiolas, disolto o ano anterior. Entre os seus fundadores están Sebastián Martínez Risco (polígrafo e expresidente da Real Academia Galega) e Francisco Vales Villamarín (historiador e exsecretario perpetuo da RAG).
Traxectoria
Na súa primeira etapa, a agrupación dedicouse sobre todo a escenificación dos costumes populares. Nesta época o director era Antonio Naveira Goday, e a mestra de baile era María Victoria Canedo. Representou obras como «Roseira de costumes», «A morte do gaiteiro», «Lendas e costumes» e «Noitegas». Deste traballo nacería, a finais dos anos 50 un ballet galego, (Ballet galego «Rey de Viana»), do que formarían parte bailaríns procedentes de Aturuxo.
Nos anos sesenta e comezos dos setenta o grupo centrouse no baile e canto tradicionais. Dirixían o grupo Adolfo Anta Seoane, Ramiro Cartelle e Edilberto Suárez á batuta. Manuel Cajaraville Pensado asumiu máis tarde o cargo de director artístico, dándolle unha maior relevancia ao baile. Levou a cabo unha importante labor de investigación e divulgación, recuperando bailes como o maneo e o fandango, que xa estaban practicamente esquecidos. Nesta mesma etapa incorporouse a Aturuxo un grupo de cantareiras coñecidas como Pandereteiras de Mens, procedentes de Mens, en Malpica de Bergantiños. Nesa época, a agrupación acadou importantes premios en diversos certames, tales como as xornadas folclóricas de Santiago de Compostela (medalla de ouro) ou Ourense.
Dende o seu nacemento o grupo actuou en toda Galicia, boa parte de España, Francia, Portugal e a Arxentina. Varios dos bailes do seu repertorio, como a Muiñeira de Lañas, o Fandango Muradán ou o Maneo de Mens, forman parte hoxe en día do acervo folclórico galego.
Aturuxo é membro fundador da Federación Galega de Grupos de Danza. Conta entre os seus membros con varios recoñecementos individuais, como son tres medallas de prata «Marcial del Adalid» ao mérito artístico e unha de ouro (a Manuel Cajaraville), concedidas pola Real Academia Galega de Belas Artes.
No ano 2026, a agrupación folklórica Aturuxo, foi condecorada coa medalla de ouro de dita academia pola sua labor ao longo da sua historia.
